El juguetón
Hoxe falamos dunha empresa pioneira no noso municipio, aberta no 2014 coa ilusión dunha persoa que contaba só con 24 anos cando decidiu emprender o seu propio negocio.
Pese ás reticencias familiares, que o intentaban frear para que non se complicase a vida poñendo en marcha unha empresa cando podería continuar coa xa afincada empresa familiar, seguiu adiante coa súa idea de negocio e así, en Novembro do 2014 naceu El Juguetón.
Cando comezou a súa andadura, moitos coñecíano simplemente pola parte dedicada ós eventos, xa que contan con inchables e animación infantil para todo tipo de celebracións, festas populares, etc.
Pero a día de hoxe, podemos dicir que a labor de El Juguetón vai moito máis alá; é unha empresa totalmente afianzada no noso concello que conta con 30 traballadores en temporada alta e uns 17 o resto do ano, entre os cales podemos atopar desde monitores de ocio e tempo libre ata mestres ou psicólogos.
Un dos seus grandes piares é dar traballo de calidade á xente do noso concello e dos limítrofes xa que, actualmente, ademais de en Santa Comba realizan actividades noutros 8 concellos.
Entre elas podemos mencionar os campamentos e as actividades físico deportivas para adultos como son a ximnasia de mantemento, baile ou ioga entre outras.
Pero sen dúbida, a súa base e a actividade que máis destacamos é a labor que realizan para facilitar a conciliación familiar. A través do plan concilia, do servizo de madrugadores ou da realización de actividades extraescolares que conseguen que para os pais e nais conciliar o traballo coa vida na casa sexa moito máis doado sabendo que os seus fillos están en boas mans, e aprendendo á vez que se divirten.
Pero non só se encargan de que eles aprendan, tamén os maiores a través das charlas formativas da escola de nais e pais que tratan temas que nos servirán para afrontar diversos aspectos que nos iremos atopando ó longo da crianza dos nosos fillos (dificultades de pronunciación, estimulación da linguaxe,etc.)
Podemos rematar dicindo que as súas señas de identidade son a proximidade ás familias, a formación e experiencia e o bo ambiente entre o grupo de traballo, que se transmite en cada actividade que levan a cabo.