Sole Mouro

Para falar da empresa de hoxe imos viaxar atrás no tempo, ata a imaxinación dunha nena nacida en Santa Sabiña que creaba un mundo á súa medida, un soño que se iría acrecentando co paso dos anos.

Estamos a falar de Sole Mouro, que con só 16 anos marchou a Suiza en busca dunha mellor calidade de vida pero a pesar de telo todo alí sentía que a vida lle reservaba algo especial na súa terra natal, e por iso retornou para loitar polo seu soño. Realizou estudos de modista e tivo a súa propia academia de costura, corte e deseño no pobo que a viu nacer pero foi no 1999 cando culminou o seu soño abrindo a súa propia tenda.

E así naceu Boutique Sole Mouro, cunha filosofía baseada na frescura e a naturalidade para embelecer á muller. Para ela o máis importante é a satisfacción das súas clientas, para o que ofrece o asesoramento que lle outorgan os seus case 25 anos de experiencia e os coñecementos adquiridos ó longo de todos eles.

Se tes algunha celebración especial, en Sole Mouro poderás atopar gran variedade de vestidos de festa e cóctel de grandes marcas como Fran Rivera, Sonia Peña ou Nuribel entre outras; e multitude de complementos para completar o teu look, entre os que destacan marcas como Passigatti, Eferri, etc.

Pero un aspecto descoñecido por moitos é que, máis alá da alta costura e a roupa de festa, en Boutique Sole Mouro poderás atopar outras firmas de moda máis casual como son Almatrichi ou Matilde Cano.

A paixón de Sole pola moda non pasa inadvertida, e gran mostra dela son os numerosos desfiles nos que tivo o pracer de participar tanto con prendas da súa boutique como con algún deseño propio ou colaboracións con grandes coñecidos como son Alejandro de Miguel ou Sergio Dalmau. Entre eles, destaca especiais recordos dun desfile benéfico no que colaborou, para recaudar fondos para os nenos de Sagarau, no Sahara. Desfiles que ó mesmo tempo serviron de escaparate para traer á súa tenda un público de fóra do concello e chegar a xente de toda Galicia e incluso doutros puntos de España e do estranxeiro.

Podemos definir Boutique Sole Mouro como unha tenda punteira no seu sector, motivo polo cal a tiveron en consideración desde outros puntos da provincia, como por exemplo, para realizar unha exposición no Centro Comercial Marineda City.

Sole quere aproveitar esta oportunidade para agradecer a fidelidade dos seus clientes, xa que gracias a eles pode seguir medrando, unida a día de hoxe á súa filla Leticia coa que seguirá formando equipo e que será a encargada de coller nun futuro o relevo do seu legado e coidar este gran soño cumprido.