Territorio Tejano

Como cada martes, é día de que coñezades mellor a un dos nosos socios e hoxe ímonos ata o sector comercio para falar dunha tenda que, aínda que non foi a primeira aventura empresarial dos seus propietarios, comezou a súa andaina como tenda de roupa no ano 2004.

Falamos de Territorio Tejano, que abriu as súas portas aproveitando as infraestruturas das que dispoñían en Negreira e Santa Comba, nesa orde, para 5 anos despois facelo tamén en Bertamiráns, como fin dun camiño expansivo que a eles, como pequena empresa familiar, lles resultaba máis que suficiente.

Desde que abriron as súas portas, en Territorio Tejano tiveron clara a súa idea: ocupar un espazo no que o prezo, a moda, o estilo, a calidade e a mirada máis alá do público máis novo, fixeran deles unha tenda atractiva. Todo isto tendo en conta a gran competencia que xurdía neses intres, coa incipiente globalización que comezaba a colocar as mesmas tendas en todas as cidades e centros comerciais.

Co mesmo persoal co que comezaron en Santa Comba cando aínda non eran tenda de roupa, primeiro María e logo a incorporación de Bibi, continúan traballando a día de hoxe, tratando de dar diariamente un servizo que, sobre todo, destaque pola proximidade e o feito de aportar solucións, o máis imaxinativas e actuais posibles, ás persoas que se achegan ás súas tendas.
A día de hoxe, case 20 anos despois da súa apertura e coa mesma ilusión do primeiro día, continúan a facer o que mais lles gusta e o que mellor saben: estar ao voso lado cando vós queirades!

Podedes visitalos en calquera das súas 3 tendas ou botarlle un ollo ás súas redes sociais para estar ó tanto das últimas tendencias e novidades.